Menu Close

Plan Municipal de impulso da reutilización da información

O Concello de Vigo é consciente que os Datos Abertos constitúen un activo importante e de alto valor engadido para dar resposta ás novas demandas da sociedade e á creación de novos e máis innovadores produtos e servizos que contribuirán ao desenvolvemento dunha sociedade máis avanzada e que nos abre a porta a todo un abanico de posibilidades de crecemento económico e social.

Os datos en posesión das AAPP permiten:

  1.  Impulsar a innovación e xerar valor e riqueza: Obtendo produtos derivados dos datos por parte dos emprendedores, universidades, empresas, compañías do sector reutilizador e a cidadanía en xeral. O Concello de Vigo pretende impulsar o emprendemento e a innovación coa creación desde portal de datos abertos da cidade.
  2. Mellorar a interoperabilidade entre administracións: Facilitando a creación de servizos para a cidadanía que utilicen datos de diferentes administracións públicas. O Concello de Vigo xa está utilizando actualmente información de portais Open Data de outras administracións como datos meteorolóxicos, mapas e datos xeográficos, datos estatísticos, información de prezos de gasolineiras, información da DGT, …
  3. Ordenación interna da información da administración: Promovendo a eficiencia na documentación e clasificación de datos. A publicación de datos abertos ten o requirimento previo que estes estean estruturados, depurados e revisados. O datos centralizaranse previamente na plataforma smart city mellorando a xestión interna da administración.

A publicación de datos abertos provistos polo Concello de Vigo ampararase na normativa vixente respecto deste tema e principalmente na Lei 37/2007, de 16 de novembro, sobre Reutilización da Información do Sector Público e a Lei 18/2015, de 9 de xullo, pola que se modifica a Lei 37/2007, de 16 de novembro, sobre reutilización da información do sector público.

Para conseguir estes obxectivos o Concello de Vigo realizará as seguintes actuacións englobadas no seguinte “Plan Municipal de Impulso da Reutilización da Información” cos seguintes obxectivos e actuacións:

  1. CENTRALIZACIÓN E ESTRUTURACIÓN DOS DATOS ABERTOS DA CIDADE
    • Potenciar a colaboración e coordinación entre os diferentes servizos do Concello de Vigo para impulsar a apertura de datos e a súa reutilización
    • Crear e manter o “Catálogo de Datos Abertos” do Concello de Vigo seguindo a catalogación temática, así como as recomendacións, da Norma Técnica de Interoperabilidad de Reutilización de recursos da información de resolución de 19 de febreiro de 2013, da Secretaría de Estado de Administracións Públicas.
    • Centralizar a información, sempre que sexa posible tanto tecnicamente como por recursos, a través da plataforma cidade VCI+ 2.0
    • Os datos que sexan xeorreferenciables deberán publicarse e estruturarse incorporando a xeometría do territorio, sempre que sexa posible tanto tecnicamente como por recursos.
    • Incorporar ao “Catálogo de Datos Abertos” os datos que xa sexan públicos en formato reutilizable e impulsar a inclusión dos novos datos públicos para a súa reutilización, sempre que sexa posible tanto tecnicamente como por recursos.
    • Publicar o “Catálogo de Datos Abertos” no portal do Estado datos.gob.es.
  2. CREACION E XESTION DO PORTAL DE DATOS ABERTOS DO CONCELLO DE VIGO
    • Deberá crearse o Portal de Datos Abertos do Concello de Vigo na dirección web: https://datos.vigo.org
    • Habilitarase tamén, xunto co “Portal de Datos Abertos” o “Portal de Mapas Xeográficos” onde poda consultarse a información aberta e xeorreferenciable do territorio en formato reutilizable. Este portal permitirá acceder de forma sinxela e visual á información xeográfica mediante mapas temáticos e interactivos.
    • Publicación do Catálogo de Datos Abertos no Portal
    • Creación e aprobación das normas ou condicións de uso dos datos abertos
    • A Canle de Comunicación e Participación do Portal será publicada no propio portal e poderá empregarse tamén o sistema de queixas e suxestións do Concello de Vigo. Habilitarase un Inventario de Aplicacións que consuman Datos do Portal
  3. ACCIÓNS DE IMPULSO E FOMENTO DA INNOVACIÓN A TRAVÉS DOS DATOS ABERTOS
    • Impulso da formación no ámbito municipal sobre a función de Apertura de Datos
    • Promoción da comunidade de reutilizadores, impulsar o desenvolvemento de iniciativas de organización de eventos de reutilización ou xornadas con especialistas de reutilización