Menu Close

Vigo Cidade da Ciencia e da Innovación

A cidade de Vigo, situada ao noroeste de España, é o municipio máis poboado de Galicia e foi a cidade con maior crecemento demográfico durante o século XX en Europa e é, a día de hoxe, unha das cidades máis novas de España.

Vigo ten unha poboación de case 300.000 habitantes aínda que en realidade cada día viven, traballan e estudan nesta cidade case medio millón de persoas, representando o 32% da poboación da provincia de Pontevedra e o 12% da poboación de Galicia. Para analizar o contexto territorial da cidade, debemos recordar que o dinamismo económico de Vigo provocou históricamente, e sobre todo a partir dos anos 50 do século XX, a confluencia dunha serie de factores que a converteron nunha das zonas máis dinámicas do Eixe Atlántico.

O porto de Vigo é un dos máis importantes de España e o primeiro de Europa por tráfico pesqueiro, ao cal debe o seu dinamismo económico, baseado fundamentalmente en industria e nos seus servizos subsidiarios.

Todo iso traduciuse a nivel territorial nunha permeabilidade de tráfico diario de persoas e de mercadorías, e posibilitou o que se constituíse como importante centro de negocios e expendedora de todo tipo de servizos, sobre un amplo radio de influencia próximo ao medio millón de persoas.

Dous elementos determinan o crecemento de Vigo: o seu posicionamiento como centro dunha gran área metropolitana, e ser o centro xeográfico da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal que abarca desde a cidade de Oporto ata Ferrol, e que acolle unha poboación de ao redor de 6,3 millóns de habitantes.

A súa localización constitúe unha das súas maiores oportunidades na medida en que se converte nun dos maiores centros de servizos deste espazo económico. A accesibilidad está determinada pola autovía A-9, que estrutura toda a Eurorrexión e a nacional que conecta as dúas coa rede portuguesa, a cal permite o acceso da poboación nun tempo máximo dunha hora e media.

A conexión marítima da cidade así como a existencia da Zona Franca, foron os dous factores máis determinantes para que o Grupo PSA decidise localizarse en Vigo. O Centro de PSA-Vigo xa produciu o seu vehículo 13 millóns, probou un prototipo de coche autónomo de Vigo a Madrid e está realizando unha profunda transformación co obxectivo de implantar os novos conceptos tecnolóxicos da Fábrica 4.0.

O clúster de Vigo da automoción de Galicia CEAGA, é referencia en España e Europa, e agrupa a todo o sector de automoción: ao fabricante, o Centro de Vigo do Grupo PSA, a máis de 120 empresas de compoñentes e servizos e ao Centro Tecnolóxico de Automoción de Galicia, CTAG. O Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo (Minetur) cualifica a CEAGA, no seu rexistro, como Agrupación Empresarial Innovadora “Excelente” (AEI).

A Universidade de Vigo conta con tres campus especializados con máis de 30 centros de formación con case 2.300 persoas investigadoras e o Campus de Excelencia Internacional, Campus do Mar, que agrega a máis de 3.000 persoas investigadoras, formando unha rede transfronteriza de investigación.

A Universidade de Vigo ten 185 grupos de investigación e conseguiu captar recursos por máis de 24 millóns de euros, xerar máis de 200 patentes activas, 30 novas empresas baseadas no coñecemento e xerar máis de 6 millóns de euros en I+D contratada.

A Universidade conta con tres centros de investigación que permiten agrupar as súas capacidades dunha forma eficaz: atlanTTic, o centro de investigación en tecnoloxías de telecomunicación (con 160 persoas investigadoras), CINBIO, o centro de investigación biomédica (con 230 persoas investigadoras), e CIM, o centro de investigacións mariñas (con 200 persoas investigadoras). Todos eles crean un ecosistema investigador do que se nutren os sectores TIC, mariño e biomédico, e no que o sector aeroespacial está empezando a asomar igualmente.

CITEXVI é o Parque Científico e Tecnolóxico da Universidade de Vigo dá soporte aos grupos de investigación da universidade e presta servizos tecnolóxicos avanzados ao desenvolvemento de proxectos de I+D+i empresarial que cooperan e integran grupos de investigación na súa ejecución.

A área de Vigo conta con 5 dos 6 centros tecnolóxicos de Galicia, que ostentan un destacado recoñecemento, tanto a nivel nacional como internacional, como o CTAG (Centro Tecnolóxico de Automoción de Galicia); CECOPESCA (Centro Tecnolóxico da Industria Mariño Alimentaria); AIMEN (Centro Tecnolóxico do Metalmecánico); EnergyLab (Centro Tecnolóxico Eficiencia e Sostenibilidade) ou Gradiant (Centro Tecnolóxico de Telecomunicacións).

Os 6 centros tecnolóxicos, integrados en ATIGA, supoñen máis do 25% da facturación dos centros tecnolóxicos nacionais de excelencia integrados en FEDIT (Federación Española de Centros Tecnolóxicos). Con 1.129 empregados, teñen unha carteira de clientes de máis de 2.000 empresas nun total de 27 países e roldan os 65 millóns de euros de ingresos.

Destacan tamén en Vigo, os centros de investigación, como o IEO (Instituto Español de Oceanografía) ou o IIM-CSIC (Instituto de Investigacións Mariñas), e iniciativas como o CINAE (Centro de Innovación Aeroespacial).

A innovación de Vigo chegou ata o espazo cos 4 satélites postos en órbita pola Agrupación Aeroespacial da Universidade de Vigo, e ata a OTAN, que está ensaiando a vixilancia marítima coa tecnoloxía de análise de obxectos do Centro Tecnolóxico de Telecomunicaciones Gradiant.

Vigo ten un gran capital de persoas dedicadas á ciencia e innovación. Destacando as iniciativas pola igualdade de xénero, tanto nos centro tecnolóxicos como na universidade, co obxectivo de darlle visibilidade ao traballo realizado polas científicas, creando roles femininos no ámbito da ciencia e a ingeniería e impulsando prácticas que favorezan a igualdade de xénero e potenciando o “Día da Muller e a Nena na Ciencia“.

Existe tamén cun tecido incipiente de empresas innovadoras e de persoas investigadoras e emprendedoras vinculadas a zonas urbanas de viveiros de empresas ou coworking, en parques tecnolóxicos e espazos activos como Zona Franca.

O Concello de Vigo non é alleo a este ecosistema de innovación e participa de forma activa e coordinada cos axentes da innovación en proxectos de investigación na cidade, ademais de xerar I+D+i propio.

Vigo é un referente a nivel europeo en proxectos de movilidade con sistemas cooperativos V2I e C-ITS. Fito conseguido grazas a colaboración do Concello de Vigo con centros tecnolóxicos como o CTAG, o clúster da automoción CEAGA, empresas privadas, e concellos doutras cidades europeas, en proxectos como o Compass4D, C-Mobile, C-Roads, Co2Perautos2 ou Co-gistics.

En 2017 iníciase o proxecto “AutoPilot” de coche autónomo, en colaboración entre concello co Grupo PSA e o CTAG. E en 2018 arrinca o proxecto 5G-MOBIX, tamén con participación do concello, que probará diferentes casos de uso que requiren unha conectividade de alto rendemento no corredor Vigo-Oporto e vehículos automatizados con 5G.

O concello presentou o seu plan de smart city e a súa plataforma smart city VCI+ , creada con I+D propio, que xa se está evolucionando á versión 2.0 con tecnoloxía do estándar europeo FiWARE. E presentou un proxecto de innovación de smart buildings a Rede.es, de 5 millóns de euros de financiamento, con máis de 170 edificios implicados así como o porto, aeroporto e a estación de tren, co obxectivo de mellorar a calidade de vida da cidadanía a través da innovación.

Actualmente tamén está implicado no proxecto Estratexia de Desenvolvemento Urbano Vigo Vertical (DUSI), que pretenden impulsar a cidade accesible, referente e innovadora e na candidatura de Vigo de “Illas Cíes Patrimonio da Humanidade” cun gran compoñente de difusión científica e investigación en colaboración con centros científicos como o CSIC e o Instituto Español de Oceanografía de Vigo

Esta aposta da cidade polo I+D+i foi clave para que, na comarca de Vigo, estean as sedes de 24 das 100 empresas de Galicia con maior facturación. A provincia de Pontevedra, con Vigo á cabeza, concentra máis do 50% das empresas certificadas como innovadoras en toda Galicia (indicador ARDAN 2017) resultando a provincia coa maior porcentaxe de empresas innovadoras a nivel galego.

Con este contexto podemos afirmar que “Vigo é a capital da Innovación de Galicia” e un claro referente nacional e internacional.